2 de abr. de 2012

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil

"Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchenos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas".
Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro é o texto que Francisco Hinojosa, poeta, dramaturgo, narrador, editor e ensaísta mexicano, cedeu á IBBY para a conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil 2012. Cada ano, a International Board on Books for Young People encarga a unha das súas seccións a edicíón do cartel conmemorativo deste día no que se lembra o nacemento de Hans Christian Andersen. Nesta ocasión foi a sección Mexicana quen acolleu esta iniciativa, e velaquí  tamén o cartel que elaborou para a ocasión o ilustrador deste país, Juan Gedovius.  
As datas significadas, coma esta, poden ser útiles para insistir nos beneficios da lectura, na necesidade de ofrecer ao alumnado textos de calidade que os axuden a medrar como cidadáns xustos e felices. Aínda que estas celebracións por si soas non consiguen nada, cando vaian acompañadas de actividades sistemáticas, de tempos e espazos para a lectura (na familia e na escola), e de bos libros (en papel ou en pantalla), seguramente poidamos avanzar como sociedade lectora, máis culta e máis igualitaria.

Ningún comentario: