17 de abr. de 2024

Exposición Fina Casalderrey en Pontevedra

 

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) foi a encargada de elaborar para o Concello de Pontevedra unha homenaxe cunha exposición sobre a escritora Fina Casalderrey, candidata ao premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e ao premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido este último como o "Nobel da Literatura Infantil".

A exposición, que se colocará na Praza da Ferraría, inaugurarase o vindeiro 18 de abril, nun acto que comezará ás 12 da mañá e no que estará presente a autora. Poderá visitarse ata o 18 de maio.  

A mostra, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título Fina Casalderrey: medrando entre historias e está composta por 20 paneis que narran a vida e a obra da escritora do Lérez.

Son as propias palabras de Fina as que serven de fío condutor da exposición, ao destacar declaracións e anécdotas que ofreceu en diferentes ocasións e medios ao longo da súa carreira. Desta maneira retrátase unha autora referente da nosa literatura contemporánea que, xunto con outras compañeiras e compañeiros de xeración, asentou as bases da literatura infantil e xuvenil en galego. Tamén se presta atención ao seu traballo noutros xéneros e, especialmente, ao seu labor como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida e que ela mesma recoñece que estivo intimamente ligado aos seus inicios na escrita.

Dende GÁLIX agradecen a iniciativa do Concello de Pontevedra e consideran esta homenaxe un recoñecemento merecido que contribuirá a achegar á cidadanía a palabra e figura de Fina Casalderrey.

 Fina Casalderrey – Web oficial da escritora galega

 

14 de abr. de 2024

Minutos musicais!

Esta semana escoitaremos "Eu son" , canción escrita por Anxo Fernández coa colaboración na letra de Adrián Beiroa e arranxos na música de Guezos.

 Guezos é unha banda de rock-pop-folk ourensán, cuxas composicións son moi abertas a calquera estilo, valorando moito as melodías e as harmonías propias do folk e mesturándoas coa potencia do rock.

 O nome do grupo foi escollido ao chou dun dicionario de Galego/Barallete e significa "Rapaces ou nenos duns 13/14 anos". Tamén é o nome do seu primeiro álbum, que viu a luz no 2001.

O barallete é a xerga utilizada polos afiadores do concello ourensán de Nogueira de Ramuín para se comunicar entre eles. A finalidade da fala era a de evitar a comprensión por parte das persoas que non pertencesen ao gremio. Esta xerga tamén era utilizaddda por músicos e por outros profesionais ambulantes como os paraugueiros ourensáns.




12 de abr. de 2024

Hoxe conta... Iria López

 A nosa compañeira Iria López de 6º de Primaria, voluntaria da Biblioteca, leu para os nenos e nenas de Infantil unha fermosa historia:

CHIBOS CHIBÓNS(BATA). LIBRO CON PICTOGRAMAS.. Texto de Bata, a partir da  versión de Olalla González.. OLALLA GONZÁLEZ. 9788413433073 Voando Libre


Grazas mil, Iria por compartir o teu amor pola lectura e os libros!

Gústanos moito escoitar contos!

10 de abr. de 2024

Obradoiro Contrato-Programa Inclúe

O martes 9 de abril, na biblioteca, todo o alumnado do cole participou nun obradoiro dentro do Contrato-Programa Inclúe.

 Estas actividades foron impartidas pola Asociación Igualadas. 

Traballamos a igualdade, o respeto, as relacións persoais e o rexeitamento da violencia. 

Foi unha xornada moi produtiva!





9 de abr. de 2024

Club de Lectura ao sol!

Aproveitando esta mañá soleada saímos ao patio para seguir coa lectura e comentar o cómic Wolfram de Alberto Varela Ferreiro.

Falamos de historia, de xeografía, de arte, de debuxo...  



8 de abr. de 2024

Investigando o Trail de Nocedo

O venres 5 de abril os nenos e nenas de 3º de Primaria asistiron a unha charla informativa, na biblioteca,  para investigar arredor do Trail de Nocedo.

Esta proba deportiva está organizada pola Asociación veciñal por Beluso (ASBEL) e xa vai pola súa terceira edición.

Este proxecto une o deporte e a divulgación do patrimonio natural e cultural da nosa parroquia.

Mil grazas a Cahiso e a Marcos pola presentación tan amena da información e por compartir con nós o seu tempo e a súa gran experiencia na organización deste evento!




Compartimos un pequeno resumo do III Trail de Nocedo:



7 de abr. de 2024

Minutos musicais!

 Iniciamos semana con eclipse total de sol visible arredor das 21,00 h. deste luns 8 de abril

Un eclipse de sol é un fenómeno astronómico onde a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol oscurecendo momentaneamente o ceo aínda que sexa de día. En España será visible en Galicia e Canarias. 

Esta semana escoitaremos a canción A primavera do grupo Mamá Cabra, incluída no libro-disco-DVD Bicos de música, editorial Galaxia.


Feliz semana!